O orzamento do contrato ascende a 620.197,36 euros e o prazo de execución previsto é de seis meses dende o inicio da obra

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBA A LICITACIÓN PÚBLICA DA REURBANIZACIÓN DA RÚA ESPARTERO

Ferrol, 17 de agosto de 2020.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o expediente de contratación administrativa e a convocatoria de licitación pública da reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Na súa comparecencia posterior á reunión, o voceiro do goberno local, Julián Reina, explicou que o orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % (496.157,89) está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % (124.039,47) con cargo ás arcas municipais. Tamén detallou que o prazo de execución das obras é de seis meses a partir do seu inicio.

O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello. No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada o paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado.

As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello.

Reina afirmou que esta intervención “nunha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán” vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral (ARI) no 2001 e ben de interese cultural no 2011. Este Concello, dixo, “decidiu apostar de forma firme pola actualización e modernización dun barrio histórico en coordinación con outras administracións co fin de recuperar Ferrol Vello”. Deste modo, explicou, “os nosos veciños e todos os turistas que visiten a nosa cidade poderán coñecer o magnífico entorno do inicio da primeira milla do Camiño Inglés”.

En marcha a reurbanización da zona
Reina lembrou que se trata dunha zona na que xa está en marcha a reurbanización de Carmen Curuxeiras e asegurou que a intención do goberno local é a de continuar recuperando as rúas de Ferrol Vello ao tempo que o Plan Estatal de Vivenda subvenciona as rehabilitacións de edificios por parte dos propietarios e o programa Rexurbe, da Xunta, adquire inmobles deteriorados para a súa reconstrucción. Trátase, dixo o edil de Urbanismo, “de que todas as Administracións traballemos da man para por en valor Ferrol Vello e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.

A reurbanización da rúa Espartero, no conxunto histórico do barrio de Ferrol Vello, é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.