O voceiro municipal, Julián Reina, anunciou que hoxe se iniciou o procedemento de apertura das propostas presentadas para executar a reurbanización da rúa Espartero. O concelleiro expresou que se trata dunha “noticia ilusionante” que demostra a liña de traballo do goberno local dirixida á recuperación do centro e a “seguir potenciando que o noso casco histórico está de moda”.

APERTURA DAS PROPOSTAS PRESENTADAS PARA EXECUTAR A REURBANIZACIÓN DA RÚA ESPARTERO

Ferrol, 14 de setembro de 2020.- O voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá na rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno Local que o proxecto de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, vén de ter un “importante impulso” unha vez a sesión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol iniciara esta mañá a apertura das ofertas para a súa execución. Trátase dun “avance ilusionante”, dixo Reina, e “unha mostra máis de que este equipo de goberno continua traballando pola recuperación de dous importantes barrios da cidade, Ferrol Vello e A Magdalena”. Deste modo o Concello “avanza na importante tarefa de seguir potenciando que a noso casco histórico está de moda”.

Reina explicou que o orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % (496.157,89) está previsto que se financien con fondos europeos e o resto con cargo ás arcas municipais. Tamén detallou que o prazo de execución das obras é de seis meses a partir do seu inicio.

O proxecto de reurbanización de Espartero inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello. No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada o paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado.

As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello. Reina afirmou que esta intervención “nunha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán” vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral (ARI) no 2001 e ben de interese cultural no 2011. Este Concello, dixo, “decidiu apostar de forma firme pola actualización e modernización dun barrio histórico en coordinación con outras administracións co fin de recuperar Ferrol Vello”.

Deste modo, explicou, “os nosos veciños e todos os turistas que visiten a nosa cidade poderán coñecer o magnífico entorno do inicio da primeira milla do Camiño Inglés”.

A reurbanización da rúa Espartero, no conxunto histórico do barrio de Ferrol Vello, é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.