Julián Reina anunciou hoxe que, unha vez rematado o proceso de contratación, o goberno local decidiu agardar a que rematen as festas para iniciar esta actuación. O concelleiro de Urbanismo e voceiro do equipo de goberno explicou que o obxectivo é “evitar calquera tipo de molestia que poidan xerar” os traballos durante esas datas.

AS OBRAS DE REURBANIZACIÓN DA RÚA ESPARTERO DARÁN COMEZO “INMEDIANTAMENTE DESPOIS DO NADAL”

Ferrol, 16 de novembro de 2020.- O Concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou durante a rolda de prensa que ofreceu esta mañá que as obras para a reurbanización da rúa Espartero comezarán despois do Nadal. Este proxecto é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

A Mesa de Contratación Permanente do Concello tratou hoxe a cualificación da documentación presentada polo adxudicatario, o que permitiría o inicio dos traballos en breve. “Pero consideramos que a mellor data para iniciar as obras será inmediatamente despois do Nadal”, explicou o edil. O obxectivo desta decisión, dixo, é “evitar calquera tipo de molestia que poidan xerar” durante as festas.

O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a completa renovación da rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Está valorado en 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha achega do Concello. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto, non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.