A partir do luns pecharase o paso de vehículos entre Baterías e a estrada Alta do Porto e desviaranse pola rúa Mercé ata Socorro, que cambia o seu sentido para chegar ao paseo da Mariña.

AS OBRAS DE REURBANIZACIÓN EN ESPARTERO OBRIGAN A CORTAR O TRÁFICO RODADO NUN TRAMO DA RÚA

Ferrol, 30 de xaneiro de 2021.- Debido ás obras de reurbanización que o Concello de Ferrol está a levar a cabo na rúa Espartero, no barrio de Ferrol Vello, é necesario pechar o tráfico rodado a partir do luns, 1 de febreiro, no último tramo da vía, o comprendido entre as rúas Baterías e Estrada Alta do Porto. Os vehículos que chegan desde Baterías e Espartero serán desviados pola rúa Mercé ata Socorro, que cambia o seu sentido, para acabar no paseo da Mariña e na estrada Alta. Esta primeira fase do plan de tráfico do Concello de Ferrol con motivo das obras en Espartero prolongarase dous meses. A reurbanización da rúa Espartero é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

As obras na rúa, que comezaron a mediados de xaneiro cos traballos previos, contemplan a renovación completa do tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.