A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse á zona xunto cos edís de Urbanismo, Manuel Ramos, Obras, Pablo Mauriz, Turismo, Natalia Hermida, e representantes da empresa adxudicataria dos traballos.

AS OBRAS DO PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE XUVIA COMEZARON HOXE

Narón, 27 de xullo de 2021.- As obras de rehabilitación do muíño de Xuvia comezaron na xornada de hoxe. A alcaldesa, Marián Ferreiro, os edís de Urbanismo, Manuel Ramos, Obras, Pablo Mauriz, e Turismo, Natalia Hermida, e representantes da empresa adxudicataria dos traballos –a Unión Temporal de Empresas Prace Servicios y Obras e Emergis Construcción SL- desprazáronse hoxe á zona con motivo do inicio das mesmas. Operarios da compañía vallaron o tramo de fachada exterior por donde se accede ao inmoble e continuaban traballando esta mañá nas primeras tarefas de desbroce do patio interior e retirada de entullo.

Nos vindeiros doce meses desenvolverase a actuación que permitirá materializar o proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, orzamentado en 1,25 millóns de euros. Ferreiro recordou que se trata dunha actuación cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020. A intervención, enmarcada na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020), é posible, tal e como destacou a rexedora local, “grazas unha vez máis á colaboración entre administracións, neste caso da provincial e tamén das políticas de cohesión impulsadas a través da Unión Europea”.

O conxunto industrial dos muíños de Xuvia, a Real Fábrica de Fariñas de Lestache, estaba formado por tres edificios, que son os que se rehabilitarán con cargo a este proxecto para poñer en valor esta construción do século XVIII e propiedade municipal. No edificio no que estaban os dous muíños de Lestache e unha construción anexa donde había dúas moendas máis habilitaranse a sala dos muíños, a sala Bucau e a sala de cultura industrial. No espazo que ocupaba o almacén de cereais construiranse a sala introductoria, a sala de Lestache e na planta superior unha sala polivalente. Finalmente, na terceira construción, donde se localizaba a vivenda da familia Lestache e o seu despacho, habilitarase a recepción e tamén un almacén de mantemento.

A maiores deste proxecto, dende o goberno local impulsouse tamén a musealización das instalacións, unha actuación que suporá un investimento duns 240.000 euros das arcas locais.

“Hoxe é un día moi sinalado e esperado na nosa cidade, porque dan comezo unhas obras que permitirán poñer en valor unha peza fundamental do patrimonio da nosa cidade, o muíño de Xuvia”, asegurou Ferreiro. Así mesmo, destacou “a firme aposta do Concello pola recuperación do patrimonio, o que tamén se constata coa recente compra do muíño de As Aceas, outra das edificiacións máis singulares de Narón e para o que tamén se deseñará un proxecto co fin de rehabilitalo en canto sexa posible”.