A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, reuníronse con representantes da empresa adxudicataria das obras.

ASINADA A ACTA DE REPLANTEO DAS OBRAS DA PRIMEIRA FASE DA SENDA PEONIL E CICLISTA QUE ENLAZARÁ OS PASEOS DE XUVIA E FREIXEIRO

Narón, 21 de xaneiro de 2022.- A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse á zona de Piñeiros con motivo da sinatura da acta de replanteo das obras da primeira fase da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, que acometerá a empresa Xestión Ambiental de Contratas. A rexedora local recordou que se trata dunha actuación que suporá un investimento duns 580.000 euros e que permitirá, tal e como figura no proxecto, recuperar chan urbán para usos públicos amables co medio ambiente e desfrute do entorno da Ría de Ferrol. A intervención está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

A primeira fase dos traballos levarase a cano entre a avenida Conde de Fenosa (zona do Camiño da Veiga) e o muíño de As Aceas. “Trátase dun tramo duns 22.000 metros cadrados no que se comezará a habilitar a senda peonil e ciclista paralela ao cauce baixo do río Freixeiro e que contará cun área estancial duns 15.000 metros cadrados donde se instalará mobiliario urbán”, explicou Ferreiro. A alcaldesa destacou a importancia “de recuperar un tramo natural da zona urbana da cidade para poñelo en valor, co fin de que poidan desfrutar del as veciñas e veciños de Narón e doutros concellos que desexen realizar un percorrido nun espazo verde que lles permitirá chegar, unha vez rematadas as dúas fases, dende o parque de Freixeiro ata o paseo marítimo de Xuvia”.

A rexedora local e os representantes da empresa adxudicataria dos traballos concretaron o inicio dos mesmos, anunciando dende a citada compañía que a vindeira semana perfilarán trámites con administracións municipais e prevén comezar co acopio de material na zona para poder levar a cabo os primeiros traballos na zona “á maior brevidade”.

Ferreiro recordou tamén que na actualidade, ata o vindeiro 28 de xaneiro, está en período de licitación –por un importe de 414.517 euros- a segunda fase deste proxecto, que permitirá continuar a senda peonil e ciclista polo tramo comprendido dende a rúa Miguel de Cervantes ata a Conde de Fenosa. “Nesta fase habilitaranse outros 22.000 metros cadrados de senda e tamén se proxectou un área estancial con mobiliario, neste caso duns 5.000 metros cadrados”.

“Este é un día moi importante para a nosa cidade porque coa sinatura deste acta de replanteo da primeira fase marcamos o inicio do que será un dos proxectos medioambientais e de lecer máis ambiciosos deste mandato, para o que levamos tempo traballando e realizando os trámites oportunos para que puidese levarse a cabo de modo cofinanciado. Deste xeito, permítenos axilizar a execución da segunda fase destas obras e poder rematar o proxecto completo este mesmo ano”, subliñou a alcaldesa.