A actuación foi adxudicada este martes en XGL extraordinaria a UTE Prosema-Civis Gobal por 1.347.940,00 euros (co IVE) cunha garantía de once anos. Esta UTE, conformada por dúas empresas galegas, foi a oferta mellor puntuada nun procedemento aberto con pluralidade de criterios e público. “Hoxe acadamos un fito longamente perseguido por este Goberno para ver un novo Ferrol sobre o que pivote o rexurdimento da nosa cidade”, dixo Suárez

O GOBERNO ADXUDICA A OBRA PARA REMODELAR A PRAZA DE ARMAS NUN ESPAZO VIVO E ACCESIBLE NO CORAZÓN DA MAGDALENA

Ferrol, 26 de febreiro de 2019.- O Goberno de Ferrol ven de adxudicar esta mañá en Xunta de Goberno Local extraordinaria a UTE Prosema SL-Civis Global SLU a obra para acometer a reforma da Praza de Armas, unha ambiciosa intervención que transformará esta superficie árida e deteriorada, que xa hai anos que chegara ao final da súa vida útil, nun gran espazo aberto, accesible e con vida como epicentro da transformación do barrio da Magdalena.

A UTE conformada por estas dúas empresas galegas, -Prosema, do grupo Rilo, con sede social en Ferrol e a outra de Vigo -foi a proposta mellor valorada (95,63 puntos) das dez que –inicialmente- se presentaron a este procedemento aberto con pluralidade de criterios que se tramitou a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

A obra foi adxudicada por  un importe total de 1.347.940 euros con IVE incluído, (1.114.000 sen IVE). Cómpre salientar que se trata dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER 2014-2020 plurirrexional de España (engloba ao anterior programa operativo de crecemento sostible FEDER 2014-2020), dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado EDUSI “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”.

“Dez anos despois da rescisión do contrato do aparcadoiro no 2008, ao fin adxudicamos a recuperación deste espazo público”, manifestaba Suárez en rolda de prensa ao remate da XGL. “É un momento de euforia para este goberno porque hoxe conseguimos un fito longamente perseguido e froito dun procedemento exemplar cun concurso de ideas no que un prestixioso arquitecto como Carlos Pita resultou vencedor entre mais de 50 proxectos presentados coa súa proposta Lugar de Todas”, reflexionaba o primeiro edil.

“Coido que unha vez construída a praza, será do gusto da veciñanza e o necesario complemento ao intenso traballo feito en rehabilitación na Magdalena e Ferrol Vello. Estou certo de que ao fin poderemos ver un novo Ferrol a partir do cal pode pivotar o  rexurdimento da cidade, acompasado coa recuperación demográfica e a creación de emprego”, reflexionaba.

O prazo de execución da obra estimase en seis meses para recuperar o espírito orixinal da Praza de Armas cun entorno axeitado, mais aberto e verde, coa plantación de tilos, vivo, humano e accesible.  O obra principará coa demolición do estacionamento soterrado.

 O procedemento administrativo que desembocou hoxe nesta adxudicación iniciouse en Xunta de Goberno Local o  14 de novembro do 2018, cun orzamento de licitación de 1,727,880 (IVE incluído). O día 16 do mesmo mes foi publicado o anuncio de licitación no perfil do contratante do Concello de Ferrol aloxado na Plataforma de Contratos do Sector Público. O prazo para presentación de ofertas pechouse o 7 de decembro con 10 propostas achegadas das que unha foi excluída por baixa temeraria. O contrato quedará formalizado no prazo máximo de dúas semanas.