Presentación EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020” presentada conxuntamente entre os Concellos de Ferrol e Narón, sitúase dentro das estratexias DUSI cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, actualmente integrado no Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020, que foron seleccionadas polo Ministerio de Facenda e Función Pública.
O principal reto da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” é crear un modelo de cidade que aposte polo futuro, mediante a recuperación física, social, económica e medioambiental, promovendo actuacións dirixidas á mellora no acceso e uso das novas tecnoloxías, ao fomento do turismo, á rehabilitación do patrimonio histórico, cultural e natural, ao aumento da calidade de vida da cidadanía e á protección do medio ambiente.
A EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” pretende converter a Ferrol e Narón en cidades máis sostibles e integradoras, cidades intelixentes, cidades accesibles e en consonancia coas necesidades expostas pola cidadanía.
En particular, son seis os retos que se plantexan dentro da EDUSI, os cales serán abordados dende unha perspectiva conxunta:
Cidade Intelixente
• Eficiente e dixital:
Conseguir unha administración local eficiente coa ampliación do uso das TIC, mediante a modernización e dixitalización de procesos, e o desenvolvemento de infraestruturas que faciliten a implantación da Smart Mobility
Cidade Sostible
• Compacta, vertebrada e conectada:
Harmonizar accións urbanísticas no principal eixo que une Ferrol e Narón, promovendo a creación dunha cidade orientada á mobilidade sostible, mediante o establecemento dunha rede continua, segura e accesible, sin contaminación e ruidos, que priorice os desprazamentos a pé, en bici e en transporte público.
• Ola Mar:
Abrir a área urbana ao mar a través de medidas de mellora física e de adecuación da contorna da Ría de Ferrol para permitir e fomentar o uso e disfrute do mar. Recuperar o patrimonio marítimo e cultural vinculado á Ría de Ferrol e impulsar actuacións orientadas á creación, desenvolvemento e promoción tanto do produto turístico de mar como de empresas e activos.
Cidade integradora
• Máis alá do naval:
Baixo este reto formalízase o acompañamento para que os nichos de mercado sexan ocupados por axentes económicos da zona, reforzando os existentes, creando redes de coñecemento e colaboración e fomentando a creación de novas iniciativas privadas. Aposta polo emprendemento e a creación e fortalecemento do tecido económico.
• Cidade da Ilustración:
Potenciar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da UNESCO mediante a rehabilitación do patrimonio histórico e cultural e a súa promoción exterior, converténdoo nun atractivo turístico para a cidade que favoreza o desenvolvemento económico sostible da rexión e a creación de emprego. Mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública.
• Ferrol Mola:
Estruturar un motor de revitalización multidisciplinar que leve á cidadanía á ilusión, ao orgullo de pertenza, creando unha marca de cidade atractiva e o contido necesario para elexir quedarse, ou mesmo acudir dende fóra pola súa calidade de vida.
Para abordar estes retos a EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” conta cun orzamento global de 12.500.000,00 € dos cales o 80% correspóndense coa financiación que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional realiza no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020, mentres que o 20% restante procede da aportación municipal.