Implica unha inxección de dez millóns de euros para revertir na mellora da calidade de vida da veciñanza en accións compartidas e cooperativas entre os dous municipios O convenio, que xa ten o refrendo plenario das dúas corporacións, foi asinado este mediodía polos alcaldes de Ferrol e Narón se artella en torno a 15 items

FERROL E NARÓN ASINAN O CONVENIO EDUSI QUE APUNTA AO FUTURO ‘RIA DE FERROL: CIDADE 2020’

Ferrol, 22 de outubro de 2018.- Os concellos de Ferrol e Narón veñen de asinar este luns o convenio de colaboración para implementar a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) denominada ‘Ría de Ferrol: Cidade 2020’, un proxecto ambicioso que nace da necesaria cooperación entre municipios veciños que traballan cooperativamente para mellorar a calidade de vida da súa poboación con accións conxuntas e complementarias que optimizan esforzos na defensa do colectivo.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez Fernández, e a rexedora de Narón, Marián Ferreiro Díaz, asinaron este mediodía o convenio Edusi nun acto que tiña lugar esta mañá no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol. Na práctica, o convenio se traduce nunha inxección de 10 millóns de euros dos que, aproximadamente, o 75% lle corresponden a Ferrol e o 25% a Narón.

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER 2014-2020 Plurirrexional de España (engloba ao anterior Programa Operativo de Crecimento Sostible FEDER 2014-2020).

“Estamos de noraboa, como non podía ser doutro xeito, xa que hoxe materializamos este convenio que vai a supoñer, para Narón, en torno a 3 millóns de euros”, manifestaba Ferreiro, que novamente agradecía a Ferrol a oportunidade de participar e concorrer conxuntamente a estes fondos FEDER.

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Jorge Suárez, subliñaba hoxe que se trata “dunha estratexia transversal deseñada para tres anos que abrangue desde a mellora da mobilidade, e a aposta polo transporte público, ate medidas de índole social e para o emprego para reverter en importantes melloras no tecido social de ambos municipios”.

Tal e como xa avanzaramos no deseño da estratexia, ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’ foi a aposta estratéxica que promoveron os Concello de Ferrol e Narón para optar a derradeira convocatoria dos Fondos Feder promovendo un desenvolvemento urbano sostible e integrado para o período 2014-2020.

O proxecto, que foi recoñecido como exemplo de cooperación intermunicipal, actuará sobre novos obxectivos, con novas dinámicas mais acaídas aos novos tempos para tratar de resolver problemas existentes, antigos, e que nunca se abordaran desde unha perspectiva integral e modernizadora, ofrecendo propostas alternativas para conseguir no que, en suma, e o obxectivos dos Gobernos de Ferrol e Narón: uns concellos mellores, mellores para a súa veciñanza, tomando como base os conceptos de cidade intelixente, cidade sostible e cidade integradora, que son obxectivos temáticos do desenvolvemento urbano.

Esta construcción supralocal no horizonte de Europa 2020 faise contando coa necesaria participación e implicación cidadá, nos dous municipios, o que permitirá definir liñas de actuación prioritarias para abordar aos retos económicos, ambientais, climáticos, sociais e demográficos aos que están a facer fronte as nosas cidades.

Os ítems a desenvolver son os seguintes:

  1.  Plan Reitor interno de optimización i eficiencia en recursos en ambas administración no marco da súa adaptación a Lei de Procedementos Administrativos.
  2.  Acceso da cidadanía a e-Administración
  3.  Mobilidade Intelixente (Smart Mobility)
  4.  Mellora da eficiencia enerxética no alumeado das zonas urbanas con valor patrimonial
  5.  Mellora da eficiencia enerxética en vivendas
  6.  Humanización da Estrada de Castela e suturas entre barrios
  7.  Actuacións no marco dun plan de mobilidade sostible
  8.  Rehabilitación do patrimonio cultural que opta a Candidatura do Patrimonio da Humanidade da Unesco (zonas urbanas con valor patrimonial e turístico)
  9.  Recuperación do patrimonio marítimo, natural e cultural
  10.  Turismo activo na ría
  11.  Infraestruturas para a apertura urbana e o desfruto do mar en zonas industriais e portuarias.
  12.  Acompañamento na diversificación económica do naval e industrial con valor engadido: cidade intelixentes (smart cities), turismo, sector primario, rehabilitación e eficiencia enerxética, accións que redunden no social e na calidade de vida.
  13.  Cohesión social: servizos, conciliación , tecido participativo, voluntariado, revitalización barrios,..
  14.  Rehabilitación de vivendas nos cascos urbanos
  15. Tramitación e xestión Edusi.

Lembrar que a presente convocatoria do programa Feder 2014-2020 foi publicada no BOE o 7 de outubro do 2016. A proposta conxunta formulada por Ferrol e Narón, a proposta do municipio ferrolá en base a vecindade e a necesidade de facer fronte a problemáticas comúns e demandas compartidas, aspiraba a acadar unha achega de 15 millóns.

A resolución definitiva da convocatoria publicouse no BOE o 25 de xullo do 2017 con un importe de 10 millóns. Este convenio, artellado en 101 páxinas e cunha vixencia de catro anos, xa foi refrendado en pleno polas corporacións de Ferrol e Narón.

Esta estratexia Edusi Ría de Ferrol-Cidade 2020, artellouse entorno a seis retos concretos, ou obxectivos temáticos no eixo urbano Ferrol-Narón:

1. Mais alá do naval: Pulo as actividades de valor engadido no sectores tradicionais; sector terciario e cooperación estreira con grupos de desenvolvemento rural, da pesca e o marisqueo: Seitura22, fomento dos nichos estratéxicos: rehabilitación e patrimonio, actividades marítimas, socioculturais especialmente as ligadas as chamadas TIC.

2. Cidade da Ilustración: Potenciar a candidatura de Ferrol ao Patrimonio da Humanidade da Unesco mediante a rehabilitación e posta en valor do propio patrimonio.

3. Ola Mar: Abrir Ferrol ao mar é unha demanda cidadá e unha vella aspiración de todos os Gobernos de Ferrol con moita carga simbólica que se ten que acometer con delicadeza e diálogo a través de medidas de permeabilización das zonas costeiras, salvagardando a seguridade das instalación de Defensa e Navantia.

Pasa pola mellora física do entorno e adecuación de sendas peonís e carrís bici para fomentar e favorecer o desfrute cidadán da propia ría, oculta tras dun muro. A maiores, implica unha serie de medidas de descontaminación como monitorización das variables físicoquímica (o que se deu en chamar Smart Ría ou ría intelixente), tendo en conta que se trata dunha zona particularmente sensible vulnerable.

4. Ferrol Mola: Baixo este resumo sintético, cheo de optimismo e tan fácil de identificar para calquera veciños da contorna da ría, está a vontade de loitar para minimizar as carencias sociais, incrementar a calidade da paisaxe urbana, implementar medidas para a conciliación, potenciar o voluntariado e a cohesión social.

5. Compacta, vertebrada e conectada: Aquí se introducen as accións urbanísticas que armonizan co veciño concello de Narón. A columna vertebral serían

a) un carril bici e un viario humanizo entre ambos municipios que marque un antes e un despois na fisionomía urbana e na transición desa fronteira invisible.

b) potenciar a alternativa del FEVE como un metro lixeiro en paralelo a Estrada de Castela como alternativa ao vehículo privado. Público, puntual, moderno, práctico, accesible e axeitado aos horarios e demandas dos cidadáns.

6. Eficiente e dixital: Pasa pola reorganización dixital da obsoleta estrutura das dúas Administracións en aras de acadar a máxima eficiencia nun nivel supramunicipal acorde a Lei de Procedementos da Administración Electrónica, priorizando, dentro deste epígrafe, o ámbito social e de promoción económica a través da asistencia social e implementar algunhas funcións das smart cities como as paradas intelixentes.

Como exemplos de accións concretas que se poden artellar baixo o paraugas do EDUSI, tal e como avanzaron hoxe o alcalde de Ferrol e a alcaldesa de Narón, estaría a modernización electrónica da Administración e dos servizos públicos, potenciar medios de transporte transporte públicos implementando un plan de mobilidade sustentable como parte dun enfoque integrado.

No caso de Ferrol, Suárez incidía en que a estratexia Edusi está pensada a tres anos para afondar nos eixos temáticos comprometidos e a desenvolver como avanzar na Administración electrónica, na mellora do alumeado e eficiencia enerxética de Recimil, no plan de Mobilidade, na mellora de Ferrol Vello e na candidatura a Patrimonio da Humanidade, e tamén en proxectos do social e para o emprego.

A rexedora de Narón, mentres, avanzaba a intención do seu equipo de avanzar na recuperación do muíño de Xuvia e na conexión do parque fluvial do río Freixeiro coa ponte de Xuvia dándolle continuidade a unha gran senda verde.

Podes descargar o documento definitivo e completo na portada da nosa web, facendo clic na bandeira UE ou no apartado de Destacados.

https://www.ferrol.gal/Sede/Feder

FONDO FEDER DE DESARROLLO REGIONAL

Una manera de hacer Europa