Ángel Mato visitou hoxe a renovada rúa na compaña do concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, que explicou que a conclusión das obras supón outro paso na estratexia de recuperación do barrio que comezou con Carmen Curuxeiras.

O ALCALDE DE FERROL PON A REURBANIZACIÓN DE ESPARTERO COMO EXEMPLO DA APOSTA DO CONCELLO POR REXENERAR FERROL VELLO

Ferrol, 24 de setembro de 2021.- O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreron esta mañá Espartero logo do remate das obras de reurbanización da que é a principal rúa de Ferrol Vello. Durante a visita puideron falar con varios residentes e representantes veciñais que lles trasladaron as súas impresións sobre unha actuación que avanza na recuperación do barrio. A reurbanización da rúa Espartero é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

En palabras do rexedor ferrolán, a intervención entre o cruce con Breogán e a estrada Alta do Porto dalle continuidade á rexeneración dun ben de interese cultural como é a zona histórica da cidade, ademais de constituír “un exemplo” do que o Concello quere seguir facendo no barrio. Mato subliñou a intención do goberno local de acometer as reformas dos espazos públicos “coa intención de que sexan aproveitados pola xente”, e, nese senso, mostrou o seu desexo de que “nos vindeiros meses” dea comezo a reurbanización da outra gran rúa de Ferrol Vello, San Francisco.

Julián Reina explicou, pola súa banda, que o punto e final á actuación en Espartero significa darlle continuidade “á estratexia de recuperación que temos para o barrio”. “Comezamos con curuxeiras, continuamos por Espartero e o próximo obxectivo é San Francisco”, coincidiu co alcalde. O fin último, asegurou, “é recuperar o barrio e recuperar o espazo para as persoas, e imos cumplíndoo paso a paso”.

Ángel Mato destacou que esta intervención forma parte da EDUSI e que grazas á Unión Europea e as súas políticas de cohesión foi posible rehabilitar este espazo urbano considerablemente degradado. Dotouse de novas instalacións que o converten nun lugar máis atractivo para o uso residencial á vez que se mellora a calidade de vida tanto dos seus habitantes como dos visitantes á cidade, pero tamén se trata dunha actuación que promove a dinamización económica da zona no ámbito comercial, residencial e hostaleiro.

A rúa Espartero é unha das arterias nucleares de Ferrol Vello e a súa reurbanización constitúe unha aposta necesaria para a revitalización e rexeneración urbana do barrio segundo a liña de actuacións variadas de restauración e rehabilitación que se están levando a cabo dentro do múltiple patrimonio histórico co que conta a cidade e en coherencia coa candidatura a patrimonio mundial da UNESCO. A execución da reurbanización permitiu a completa renovación da rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Eliminouse o desnivel existente entre as beirarrúas e a zona de tráfico rodado, diferenciando ambos espazos mediante o cambio de pavimento. Así, nas beirarrúas entre San Antonio e Baterías aproveitáronse as lousas existentes, mentres que para o tramo de circulación de vehículos instalouse adoquín. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto na totalidade do pavimento empregáronse lousas de granito. Este último tramo pasou a ser peonil, e nel acondicionouse unha praza coa instalación de mobiliario urbano e a plantación de catro árbores, co fin de completar a humanización do espazo.

Tamén se renovaron as instalacións de saneamento e abastecemento de auga, fíxose a reposición da rede de gas, soterrouse o tendido eléctrico e colocouse nova iluminación acorde coa de Ferrol Vello.

O proxecto foi adxudicado por 473.830.78 euros e o financiamento corresponde nun 80 % aos fondos europeos e nun 20 % ao Concello.