O concelleiro de Urbanismo visitou os traballos acompañado por técnicos municipais e responsables da obra. Julián Reina anunciou que xa está concluída a colocación do Sate (sistema de illamento térmico exterior) na fachada. Trátase dunha operación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”

O CONCELLO AVANZA NA REHABILITACIÓN DOS INMOBLES 3-4 DA RÚA SOMOZAS, EN RECIMIL, CO REMATE DA COLOCACIÓN DA TELLA NA CUBERTA E A RENOVACIÓN DAS VENTÁS

Domingo, 26 de marzo de 2023. O Concello de Ferrol está a avanzar na rehabilitación dos inmobles 3-4 da rúa Somozas, no barrio de Recimil, unha operación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. A intervención conta cun orzamento total de 368.701,47 euros (impostos incluídos).

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou esta semana a evolución dos traballos acompañado por técnicos municipais e responsables da empresa executora. Tras percorrer a obra explicou que unha vez rematada o pasado mes a colocación na cuberta da estrutura de madeira con illamento térmico e lámina impermeabilizante, o Concello vén de rematar a colocación da tella, un traballo que poido comprobar na súa visita.

Por outra banda, o edil explicou que xa se substituíu o conxunto das carpinterías exteriores por ventás dunha soa folla de aluminio de apertura oscilo-batente. Neste senso, lembrou que nos baixos e primeiros andares instaláronse ventás de seguridade a base de vidro laminar. Nas próximas datas procederase á substitución dos portais.

Ademais, xa se colocou na fachada do inmoble o Sate (sistema de illamento térmico exterior) e nas próximas datas procederase a colocar o revestimento final. Con esta intervención en Somozas 3-4, indicou, mellórase a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda aenvolvente do edificio e ao mal estado da cuberta.