O prazo de presentación de ofertas remata ás 23.59 horas do próximo día 27 de xullo. A rúa será de plataforma única, o que eliminará barreiras urbanísticas para persoas con mobilidade reducida

O CONCELLO DE FERROL INICIA A LICITACIÓN PARA REURBANIZAR A RÚA SAN FRANCISCO, EN FERROL VELLO, POR PRETO DE 890.000 EUROS

Ferrol, 07 de xullo de 2022.- O Concello de Ferrol vén de publicar hoxe xoves na Plataforma de Contratos do Sector Público o anuncio de licitación para reurbanizar a rúa San Francisco, no barrio de Ferrol Vello, por importe de 887.600 euros con impostos, dos que o 20 % correrá a cargo do Concello e a Unión Europea aportará o resto. O prazo de execución é de seis meses e trátase dunha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

As ofertas poden presentarse ata as 23.59 horas do día 27 de xullo e deberán entregarse de xeito electrónico a través Plataforma de Contratación del Sector Público.

O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única, eliminando así as barreiras urbanísticas para persoas con mobilidade reducida.

A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, empregaranse catro tipos de pavimento: lousas e empedrado de granito, lousa tradicional que se conservará na mesma zona onde se atopa actualmente e formigón lavado para a zona reservada ao tráfico rodado. A recollida de augas pluviais levarase a cabo no eixo central da rúa e estará conformado por un empedrado de granito. Na zona de confluencia coa rúa San Antonio e na Praza de San Francisco empregaranse lousas de granito en convivencia coas lousas históricas na totalidade da rúa, sen diferenciar entre as áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. Ademais está prevista o acondicionamento de dúas zonas de carga e descarga.

Pola súa banda, as lousas históricas requirirán, previamente á súa retirada, o levantamento dun plano do estado actual, numerando cada unha das pezas para o seu posterior recolocación no mesmo lugar.

As obras tamén implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga, así como a previsión de canalizacións e arquetas para o soterrado de liñas eléctricas, de iluminación e telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público de Led e mobiliario urbano. Coa execución das obras, a rúa quedará completamente reurbanizada e os servizos urbanos renovados, respondendo así ás necesidades actuais.