O modelo de mobilidade de Narón no PMUS basearase nunha mobilidade segura, sostible, equitativa e eficiente.

O CONCELLO DE NARÓN ABRE HOXE O PRAZO DE RECOLLEITA DE PROPOSTAS PARA O PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE (PMUS) A TRAVÉS DA PLATAFORMA NARÓN PARTICIPA

Narón, 18 de marzo de 2021.- A Escola de Participación Cidadá do concello de Narón promove a difusión e participación da cidadanía e movemento asociativo para achegar propostas e suxestións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).

Este Plan de Mobilidade Urbano Sostible, que elaborará o Concello de Narón, estará enmarcado dentro da EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, e será cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020.

O prazo para enviar as aportacións comezará hoxe, 18 de marzo, e rematará o venres 18 de xuño. A Escola de Participación Cidadá enviará información ás entidades asociativas do municipio a través de correo electrónico e tamén fará difusión informativa a través das súas redes sociais.

Todas aquelas persoas ou entidades interesadas que desexen participar coas súas propostas poderán facelo a través da plataforma Narón Participa á que se pode acceder a través da páxina web: www.naronparticipa.es e tamén dende a web do Concello www.naron.es . A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, quere “animar ás veciñas, veciños e asociacións do municipio a que participen realizando as aportacións que consideren a través da plataforma que temos en funcionamento para tales fins”.