A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que o investimento, cofinanciado con fondos europeos, permitirá recuperar un dos inmobles de máis valor histórico e patrimonial do concello.

O CONCELLO ADXUDICOU EN 1,2 MILLÓNS DE EUROS AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DO MUÍÑO DE XUVIA

Narón, 3 de maio de 2021.- A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a adxudicación das obras de rehabilitación do muíño de Xuvia. A Unión Temporal de Empresas formada por Prace, Servicios y Obras e Emergis Construcción SL. son as adxudicatarias do proyecto, que suporá un investimento de 1.253.566,93 euros. Ferreiro recordou que se trata dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

A rexedora local explicou que esta mesma mañá se notificou a resolución a todas as empresas licitadoras. Ao procedemento de licitación presentáronse un total de catro ofertas, dúas delas de unións temporais de empresas. A compañía adxudicataria deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello a información oportuna previa á sinatura do contrato, que se realizará nun prazo non superior a quince días hábiles dende a recepción da notificación da resolución da adxudicación.

O Consistorio naronés aboará con cargo aos orzamentos deste ano 721.194,10 euros e os restantes 532.372,83 na vindeira anualidade, tal e como se estableceu.

“A rehabilitación do muíño de Xuvia é a obra máis importante que levaremos a cabo nos vindeiros meses na cidade na área patrimonial, debido a que nos permitirá dar continuidade a uns traballos iniciados coa restauración da cuberta e consolidación dos muros exteriores que se levou a cabo no ano 2009″, recordou Ferreiro. En canto á actuación que se acometerá con cargo ao proxecto adxudicado agora a alcaldesa especificou que “permitirá restauralo de modo acorde ao seu estado inicial, reconstruíndo os edificios que forman o complexo, reutilizando o de vivendas como museo e área didáctica para impulsar a posta en valor desta construción e, ao mesmo tempo, habilitando espazos multiuso para amosar o patrimonio municipal e donde realizar diversas actividades”.

“É unha satisfacción ver como un proxecto tan coidado e esperado por todas e todos os naroneses se encamiña para recuperar un dos edificios máis emblemáticos da nosa cidade”, subliñou a rexedora local, no que calificou como “unha firme aposta do goberno local por poñer en valor esta construción e rescatar unha parte moi importante da historia desta cidade”.

O complexo fabril do século XVIII restaurarase reutilizando materiais procedentes da demolición, recuperando os elementos existentes na medida do posible e apostando pola implantación de medidas de eficiencia enerxética. A planta baixa albergará unha zona de museo e na superior habilitarase un espazo polivalente no que organizar obradoiros, exposicións, charlas… e o antigo almacén de sal será acondicionado para recepción de visitantes e punto de información e exposición de produtos artesáns. Os tres elementos artellaranse a través do patio, que se cubrirá cunha estrutura de vidro. O prazo de execución das obras é dun ano.