A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que se trata dunha intervención que permitirá poñer en valor parte do patrimonio natural e arquitectónico da cidade.

O CONCELLO LICITA NUNS 793.000 EUROS OS TRABALLOS DA SENDA PEONIL E CICLISTA QUE ENLAZARÁ OS PASEOS DE XUVIA E FREIXEIRO COFINANCIADOS CON FONDOS DO FEDER

Narón, 28 de maio de 2021.- A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a licitación do proxecto de Recuperación de chan urbano para usos públicos amables co medio ambiente: apertura urbana e disfrute do entorno da ría. O investimento previsto para esta actuación ascende a 792.366 euros. A rexedora local recordou que se trata dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Ferreiro indicou que as empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata o vindeiro 17 de xuño ás 15.00 horas, dispoñendo de toda a información sobre o proceso na Plataforma de Contratación do Sector Público.

A alcaldesa explicou que se trata dun proxecto que permitirá “habilitar unha senda peonil e ciclista paralela ao río Freixeiro, entre a rúa Conde de Fenosa e o camiño da represa do muíño de As Aceas, no entorno da ría de Ferrol, que permitirá conectar os paseos de Freixeiro e Xuvia”. Así mesmo, destacou “o importante esforzo inversor e as xestións realizadas dende o Concello para dispoñer dos terreos necesarios para construír esta senda, que incrementará considerablemente os espazos de ocio e lecer da cidade e que inclúe unha área estancial no tramo”. A recuperación deste espazo permitirá reactivar a zona sobre a que se levarán a cabo os traballos e recuperar espazo público urbán nas proximidades da ría para mellorar o entorno e poñer en valor o patrimonio natural da cidade.

O trazado da senda, tal e como figura no proxecto, discurrirá paralelo ao río Freixeiro, dende o Camiño da Veiga (nas proximidades da rúa Conde de Fenosa) ata enlazar coa estrada de Castela á altura do colexio de Piñeiros. Dende ahí discurriría de novo cara á desembocadura do río ata enlazar coa zona do muíño de As Aceas, por donde discurre parte do tramo do Camiño Inglés cara a Compostela. “Recupérase unha servidume de tránsito cunha actuación integral que tamén permite destacar o valor patrimonial da cidade, un dos obxectivos do goberno local e que levou a alcanzar un acordo para adquirir o citado muíño sobre o que nos vindeiros meses se analizarán as opcións de cara á súa futura rehabilitación”, apuntou Ferreiro.

A senda terá algo máis dun quilómetro e a actuación dividirase en dous tramos, un entre o Camiño da Veiga e a rúa Río Castro e outro entre a rúa Río Castro e o camiño da represa do muíño de As Aceas. A superficie total da actuación, entre a rúa Conde de Fenosa e o camiño de As Aceas é de 22.000 metros cadrados e cohesionará os barrios de Xuvia, Piñeiros e Freixeiro. A senda terá unha catro metros de ancho e pavimentarase cun firme natural, acorde co entorno no que estará ubicada.

Así mesmo, tamén se licitou a dirección de obra e coordinación da seguridade e saúde, por un importe máximo de 29.297 euros e podendo presentar ofertas nos vindeiros 15 días naturais contados a partir de hoxe. A información pode tamén consultarse na Plataforma de Contratación do Sector Público.

O prazo de execución dos traballos desta senda peonil e ciclista fixouse en seis meses, contados a partir do día seguinte á firma da acta de replanteo.