Este luns tivo lugar a firma da acta de replanteo da obra

O CONCELLO INICIARÁ ESTA SEMANA A REHABILITACIÓN DA ENVOLVENTE DO INMOBLE 14 DA ESTRADA DE CASTELA, EN RECIMIL

Luns, 24 de abril de 2023. As obras de rehabilitación da envolvente para a mellora da eficiencia enerxética do inmoble número 14 da estrada de Castela, no barrio de Recimil, comezarán esta mesma semana despois de que na mañá de hoxe tivera lugar a firma da acta de replanteo do inicio dos traballos. É unha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”. Conta cun prazo de execución de seis meses e un orzamento de 148.781,37 euros.

Esta intervención súmase a outras levadas a cabo no barrio nos últimos meses, en bloques das rúas Dez de Marzal, Narón, Betanzos, Somozas, Praza de España e Ares. Neste caso, actuarase nun edificio con 6 vivendas e 2 baixos. Intervirase sobre a fachada e fiestras co fin de mellorar a eficiencia enerxética e as condicións térmicas. En canto á cuberta, xa fora substituída con anterioridade e atópase en bo estado, aínda que se instalará illamento térmico sobre o forxado do baixocuberta, xa que o tellado carece del.

En concreto, nas fachadas instalarase un sistema integral tipo SATE, composto dun illamento exterior que replicará as molduras existentes, e colocaranse fiestras de aluminio lacado en branco, con apertura oscilobatente, rotura de ponte térmica e vidro de dobre cámara. A utilización de vidro de seguridade permitirá que non sexa necesaria a instalación de reixas nas plantas baixas, ao igual que se está a facer no resto de rehabilitacións no barrio.