O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, asistiu onte á Sinatura da acta de replanteo e percorreu os espazos onde se van desenvolver os traballos co fin de organizar a execución. A actuación servirá para mellorar a eficiencia enerxética, eliminar os cruces aéreos de cables e dotar de novas instalacións tanto á rúa como á contorna da praza de Armas

O CONCELLO DE FERROL INICIARÁ ESTE MES AS OBRAS PARA SUBSTITUÍR A ILUMINACIÓN DA RÚA MAGDALENA E VARIOS ESPAZOS PRÓXIMOS A ELA

Ferrol, 17 de xullo de 2021.- Os traballos para dotar de nova iluminación a rúa Magdalena entre San Diego e Rubalcava van dar comezo este mes. Onte asinouse a acta de replanteo das obras, despois de que técnicos e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, fixesen un percorrido para recoñecer a zona onde se van instalar os puntos de luz, co fin de organizar a execución destes labores que teñen un prazo de finalización de dous meses. Trátase dunha intervención cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O contrato foi adxudicado por 251.864 euros (IVE incluído) e o financiamento corresponde nun 80 % aos fondos europeos e nun 20 % ao Concello.

A visita de onte serviu para verificar os espazos e alturas de actuación en fachada, que foron adaptados para que non exista ningún problema para o normal desenvolvemento das procesións da Semana Santa ferrolá. Tamén se comprobaron os espazos públicos ocupados por terrazas de hostalería, co fin de compatibilizar a obra co ocio. Así, decidiuse adaptar as actuacións nestas zonas para priorizalas nos horarios de menor afluencia aos locais, como tamén se adecuará o operativo a cada tramo, minimizando as molestias. Do mesmo xeito, terase en conta o paso de vehículos de carga e descarga, de modo que se evitará o corte total da rúa para que quede sempre o espazo necesario para o tránsito de residentes e vehículos de reparto e servizos públicos. Segundo explicou Reina, a execución dos traballos durante o verán evitará, a priori, condicións meteorolóxicas adversas, o que facilitará o seu desenvolvemento.

Contorna da praza de Armas
Esta actuación inclúe a renovación e mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública da rúa Magdalena, entre San Diego e Rubalcava, e a contorna da praza de Armas (rúa Terra, entre Magdalena e María; a rúa Rubalcava, entre Magdalena e María, e a rúa Real, entre Terra e Rubalcava).

Eliminaranse os cruces aéreos das calzadas por onde pasa a instalación, proxectando cruces subterráneos. Tamén se reunificarán e reubicarán os centros de mando existentes nun único cadro de iluminación pública. Ademais, redistribuiranse os puntos de luz nalgunha das rúas do ámbito de actuación e substituiranse as luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, colocadas en catenaria ou brazo, dependendo do tramo. Deste xeito, a iluminación pública do barrio da Magdalena “gañará en eficiencia e calidade, co que aumentará a visibilidade e lograrase un importante aforro no consumo de electricidade”, explicou o concelleiro de Urbanismo.