Hoxe publicouse na plataforma de contratación do sector público a licitación do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a reurbanización da vía. O orzamento base da redacción é de case 45.000 euros, mentres que para a execución dos traballos establécese un límite de 887.600 euros, en ambos casos, impostos incluídos

O CONCELLO PON EN MARCHA O NOVO DESEÑO DA RÚA DE SAN FRANCISCO, QUE SEGUIRÁ A TIPOLOXÍA DE FERROL VELLO

Ferrol, 28 de abril de 2021.- Tal e como avanzou o alcalde, Ángel Mato, hai pouco máis dun mes con motivo dunha visita a Ferrol Vello, o Concello acaba de poñer en marcha os trámites para reurbanizar unha das principais rúas do barrio, a de San Francisco. Esta actuación non só lle vai dar continuidade á recuperación dos espazos públicos da zona histórica da cidade, senón que constitúe, ata o momento, o proxecto máis ambicioso dos que se están a levar a cabo nese ámbito. Así, hoxe mesmo iniciouse, coa publicación do anuncio na plataforma de contratación do sector público, o proceso de licitación da redacción do proxecto básico e de execución e a dirección de obra para a reurbanización da rúa San Francisco, unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O orzamento base é de 36.985,90 euros (44.752,94 incluídos impostos). Ademais, o proxecto fixará un orzamento para as obras cun límite de 887.600 euros, incluídos impostos.

A transformación de San Francisco suporá actuar sobre unha superficie superior aos 2.500 metros cadrados, incluída a totalidade da vía entre Espartero e Rastro, tanto no que se refire á calzada coma ás beirarrúas de ambos lados. As lousas históricas recolocaranse tendo en conta que na zona hai pavimentos catalogados, polo que requerirán, previamente á súa retirada, o levantamento dun plano do estado actual e a numeraión de cada unha das pezas para a súa situación no mesmo lugar que ocupaban. A actuación contempla a renovación das instalacións de abastecemento de auga, saneamento e alumeado público, ademais do soterramento das canalizacións de liñas eléctricas, de iluminación e de telecomunicacións. Tamén se procederá á reposición da rede de gas.

Plan de Humanización de Barrios
A actuación en San Francisco responderá á tipoloxía que están marcando para Ferrol Vello as obras de Carmen Curuxeiras e Espartero, nas que se apostou por materiais tradicionais. O edil de Urbanismo, Julián Reina, xa avanzaba no momento do inicio das obras nesta última rúa, en febreiro, que o goberno local prevía continuar en San Francisco “ese camiño do Plan de Humanización de Barrios co que concorremos ás eleccións”. “Queremos deixar unha fonda pegada neste barrio tan importante para a nosa cidade, e continuaremos coas reurbanizacións acompañando a rehabilitación coa intención de que igual que está a pasar na Magdalena, Ferrol Vello tamén estea de moda e animemos á xente a apostar por vivir nel”.