Esta semana firmouse o contrato para a realización dos traballos, adxudicados por 620.000 euros impostos incluídos.

O CONCELLO PROGRAMA O INICIO DAS OBRAS DE REURBANIZACIÓN DA RÚA ESPARTERO PARA O LUNS 11 DE XANEIRO

Ferrol, 12 de decembro de 2020.- As obras de reurbanización da rúa Espartero, adxudicadas recentemente polo Concello de Ferrol, darán comezo o luns 11 de xaneiro, unha vez pasadas as festas de Nadal e o San Xiao. Esta semana firmouse coa empresa adxudicataria o contrato deste proxecto que é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, indicou que se decidiu agardar unhas semanas para o inicio dos traballos para non ter pechada a rúa durante o Nadal e tamén para evitar que se produzan interrupcións xa no mesmo inicio das obras debido aos festivos destas datas.

O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a completa renovación da rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Está valorado en 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha achega do Concello. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto, non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.