O orzamento base desta contratación acada os 315.817,02 euros, incluídos os impostos, e o prazo de presentación de propostas rematará ás 23.59 horas do vindeiro 7 de abril.

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, avanza que con esta actuación “toda esa zona gañará en visibilidade e lograrase un importante aforro no consumo de electricidade”.

O CONCELLO DE FERROL SACA A LICITACIÓN A RENOVACIÓN E MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DA ILUMINACIÓN DA RÚA MAGDALENA E A PRAZA DE ARMAS COFINANCIADA CON FONDOS DO FEDER

Ferrol, 24 de marzo de 2020.- O Concello de Ferrol vén de publicar no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación da execución das obras do proxecto de renovación e mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública da rúa Magdalena, entre San Diego e Rubalcava, e a contorna da Praza de Armas, é dicir, a rúa Terra, entre Magdalena e María; a rúa Rubalcava, entre Magdalena e María; e a rúa Real, entre Terra e Rubalcava. Trátase dunha actuación que forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

O orzamento base de licitación é de 315.817,02 euros, dos que o 80 % (252.653,62) correrán a cargo do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020, e o 20 % restante (63.163,40) será con cargo ás arcas municipais. O prazo de presentación de propostas rematará ás 23.59 horas do próximo 7 de abril e o de execución das obras unha vez se inicien os traballos é de dous meses.

O proxecto de renovación e mellora da iluminación pública inclúe a eliminación dos cruces aéreos das calzadas por onde pasa a instalación, proxectando cruces subterráneos. Tamén se reunificarán e reubicarán os centros de mando existentes nun único cadro de iluminación pública. Ademais, redistribuiranse os puntos de luz nalgunha das rúas do ámbito de actuación e substituiranse as luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, colocadas en catenaria ou brazo, dependendo do tramo. Deste xeito, a iluminación pública do barrio da Magdalena “gañará en eficiencia e calidade, con que aumentará a visibilidade e lograrase un importante aforro no consumo de electricidade”, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina.