O prazo para presentar propostas para a obra, cofinanciable nun 80 % polo FEDER, rematará o próximo 8 de setembro. O orzamento do contrato ascende a 620.197,36 euros e o prazo de execución previsto é de seis meses dende o inicio dos traballos

O CONCELLO SACA A LICITACIÓN A REURBANIZACIÓN DA RÚA ESPARTERO

Ferrol, 19 de agosto de 2020.- O Concello de Ferrol publicou esta mañá no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica da reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre San Antón e a estrada Alta do Porto. O orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % (496.157,89) está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % (124.039,47) con cargo ás arcas municipais. O prazo de presentación de propostas rematará o próximo 8 de setembro, mentres que o de execución das obras unha vez se inicien os traballos é de seis meses.

O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello. No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada ao paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado.

As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello.

Para o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, esta intervención é “unha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán” e vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral (ARI) no 2001 e ben de interese cultural no 2011. Este Concello, dixo o pasado luns tras a aprobación do expediente na Xunta de Goberno Local, “decidiu apostar de forma firme pola actualización e modernización dun barrio histórico en coordinación con outras administracións co fin de recuperar Ferrol Vello”. Deste modo, explicou, “os nosos veciños e todos os turistas que visiten a nosa cidade poderán coñecer o magnífico entorno do inicio da primeira milla do Camiño Inglés”.

En marcha a reurbanización da zona
Reina lembrou que se trata dunha zona na que xa está en marcha a reurbanización de Carmen Curuxeiras e asegurou que a intención do goberno local é a de continuar recuperando as rúas de Ferrol Vello ao tempo que o Plan Estatal de Vivenda subvenciona as rehabilitacións de edificios por parte dos propietarios e o programa Rexurbe, da Xunta, adquire inmobles deteriorados para a súa reconstrucción. Trátase, dixo o edil de Urbanismo, “de que todas as Administracións traballemos da man para por en valor Ferrol Vello e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.

A reurbanización da rúa Espartero, no conxunto histórico do barrio de Ferrol Vello, é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.