O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou esta mañá que a actuación conta cun orzamento de 148.781,37 euros

O GOBERNO LOCAL APROBA A ADXUDICACIÓN DUNHA NOVA REHABILITACIÓN EN RECIMIL, EN ESTRADA DE CASTELA, 14

Luns. 6 de marzo de 2023. A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a adxudicación das obras comprendidas no proxecto básico e de execución para a rehabilitación da envolvente para a mellora da eficiencia enerxética en estrada de Castela, 14, no barrio Recimil. É unha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”.

O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou que este proxecto supón “un paso máis” na rehabilitación de Recimil, un barrio no que “neste mandato se executaron obras en bloques das rúas Dez de Marzal, Narón, Betanzos, Somozas, Praza de España e Ares e van continuar con proxectos como o adxudicado hoxe para a estrada de Castela”. Conta cun prazo de execución de seis meses e adxudicouse por 148.781,37 euros.

Reina indicou que se actuará nun edificio con seis vivendas e dous baixos e a obra comprende a intervención sobre a fachada e as fiestras do edificio, posto que a cuberta xa fora substituída con anterioridade e atópase en bo estado. Con elo búscase mellorar a eficiencia enerxética e as condicións térmicas. Nas fachadas instalarase un sistema integral tipo SATE, composto dun illamento exterior que replicará as molduras existentes, e colocaranse fiestras de aluminio lacado en branco, con apertura oscilobatente, rotura de ponte térmica e vidro de dobre cámara. A utilización de vidro de seguridade permitirá que non sexa necesaria a instalación de reixas nas plantas baixas, como estamos a facer no resto de rehabilitacións en Recimil.

O tamén concelleiro de Urbanismo explicou que pese a que non se vai intervir na cuberta, si se instalará illamento térmico sobre o forxado do baixocuberta, xa que o tellado carece del. Ademais, substituirase o canalón actual por un de maior sección e de zinc. Na actualidade, o Concello de Ferrol tamén estamos a rehabilitar Somozas, 3-4 e Praza de España 23-25, “o que demostra o esforzo deste goberno por modernizar e mellorar as vivendas de Recimil”.