Trátase dunha a actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020. A intervención “revitalizará e rexenerará a zona urbana do barrio así como as infraestruturas de servizos, mellorando as condicións de accesibilidade e do espazo destinado ao peón”, apuntou o voceiro do goberno local, Julián Reina

O GOBERNO LOCAL DE FERROL APROBA O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA REURBANIZAR A RÚA SAN FRANCISCO

Ferrol, 4 de xullo de 2022.- O goberno local aprobou esta mañá o expediente de contratación das obras comprendidas no proxecto básico e de execución para a reurbanización da Rúa San Francisco, no barrio de Ferrol Vello, unha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”.

Esta actuación “revitalizará e rexenerará a zona urbana do barrio así como as infraestruturas de servizos, mellorando as condicións de accesibilidade e do espazo destinado ao peón, humanizando así o barrio”, explicou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina, tras a Xunta de Goberno.

O proxecto de reurbanización inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única, eliminando así as barreiras urbanísticas para persoas con mobilidade reducida. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, empregaranse catro tipos de pavimento: lousas e empedrado de granito, lousa tradicional que se conservará na mesma zona onde se atopa actualmente e formigón lavado para a zona reservada ao tráfico rodado. A recollida de augas pluviais levarase a cabo no eixo central da rúa e estará conformado por un empedrado de granito. Na zona de confluencia coa rúa San Antonio e na Praza de San Francisco empregaranse lousas de granito en convivencia coas lousas históricas na totalidade da rúa, sen diferenciar entre as áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. Ademais está prevista o acondicionamento de dúas zonas de carga e descarga.

Pola súa banda, as lousas históricas requirirán, previamente á súa retirada, o levantamento dun plano do estado actual, numerando cada unha das pezas para o seu posterior recolocación no mesmo lugar.

As obras tamén implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga, así como a previsión de canalizacións e arquetas para o soterrado de liñas eléctricas, de iluminación e telecomunicacións. Por último, indicou Reina, instalarase un novo alumeado público de Led e mobiliario urbano.

Coa execución das obras, a rúa quedará “completamente reurbanizada e os servizos urbanos renovados, respondendo así ás necesidades actuais”. O orzamento base de licitación con impostos é de 887.600 euros e o financiamento da obra correrá a cargo do Concello nun 20%, é dicir, 177.520,00 euros, e o a Unión Europea aportará o resto, o 80%, mediante os fondos FEDER, é dicir: 710.080,00 euros. O prazo total de execución de obra é de seis meses.

Anuncio de licitación, esta mesma semana
O procedemento de adxudicación será aberto simplificado con pluralidade de criterios e o prazo de presentación será de 20 días naturais desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación na Plataforma de Contratación esta mesma semana.