O voceiro do goberno local, Julián Reina, lembrou que se trata dunha actuación cofinanciable en un 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014- 2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’

O GOBERNO LOCAL DE FERROL ADXUDICA A REHABILITACIÓN DA ENVOLVENTE DO EDIFICIO 3-4 DA RÚA SOMOZAS, EN RECIMIL

Ferrol, 16 de agosto de 2022.- A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a a adxudicación da contratación da execución das obras comprendidas no proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente rúa Somozas 3-4, no barrio de Recimil. Trátase dunha actuación cofinanciable en un 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014- 2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’, tal e como lembrou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina. Adxudicouse por un importe de 349.086,55 euros (con ive) e cun prazo de garantía de 6 años, un máis do prazo recollido no prego.

O contrato inclúe o revestimento da fachada cun sistema illante e a substitución das carpinterías exteriores por fiestras dunha soa folla de aluminio de apertura oscilobatente, con rotura de ponte térmica, vidro dobre con cámara e microaireadores.

Tamén se levará a cabo en Somozas o desmonte completo da cuberta e estrutura actual para executar unha nova de madeira con illamento térmico, lámina impermeabilizante e tella. Instalaranse canles e baixantes de zinc, marquesiñas sobre os accesos aos portais, colocaranse ventilacións, habilitarase iluminación natural e artificial do espazo baixo cuberta, soterraranse os cables aéreos de electricidade e telefonía e intervirase nas acometidas de gas. O prazo de execución é de 5 meses desde o día seguinte á firma da acta de comprobación de replanteo.

Con esta actuación “preténdese mellorar a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda a envolvente do edificio e ao mal estado da cuberta”, indicou Reina. Na actualidade, tamén en Recimil, o Concello está a executar a rehabilitación integral do interior dunha vivenda, na rúa Betanzos.