A actuación conta cun orzamento superior aos 1,4 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses dende o seu inicio. Os traballos inclúen a substitución das cubertas, o illamento e impermeabilización de fachadas e o cambio de carpinterías.

O GOBERNO LOCAL DE FERROL APROBA O PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN DA REHABILITACIÓN DO EDIFICIO 23-25 DA PRAZA DE ESPAÑA

Ferrol, 27 de decembro de 2021.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto básico e de execución da rehabilitación do edificio residencial 23-25 da praza de España, no barrio de Recimil. Trátase dunha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O seu orzamento total ascende a 1.408.698,64 euros.

Para os traballos que se van realizar contémplase un prazo de execución de seis meses. Consistirán nunha rehabilitación coa que se van mellorar as condicións de habitabilidade, estanqueidade e eficiencia enerxética das vivendas comprendidas nos tres portais do edificio. Entre outras actuacións, contémplanse o cambio das cubertas, a instalación de sistemas illantes e de impermeabilización nas fachadas, ademais da substitución das carpinterías exteriores e dos portais. Tamén se mellorará a accesibilidade, colocaranse ventilacións, reconstruiranse chemineas, instalaranse porteiros automáticos, colocaranse antenas colectivas para o sinal de televisión, realizaranse novas acometidas ás vivendas, soterraranse os cables eléctricos que agora están colocados de xeito aéreo, ao igual que se fará co tendido de telefonía, e intervirase nas acometidas do abastecemento de gas. En canto aos baixos do inmoble, regularizaranse conforme ao seu aspecto orixinal e unificaranse elementos como persianas, escaparates e marquesiñas.

Outro aspecto importante da obra é que vai resolver diversos problemas estruturais e de humidades nos balcóns das terrazas posteriores. Farase un reforzo e peche destes elementos. Finalmente, repararanse os patios dos baixos situados na fachada posterior.

Continuidade á recuperación do barrio
Esta intervención dalle continuidade á rehabilitación de Recimil que o Concello de Ferrol vén desenvolvendo ao longo dos últimos anos. Ata o momento finalizáronse as obras de Narón 1-6, adxudicadas por 748.469,22 euros, 10 de Marzal 1-4 (455.324,55), Ares 1-2 (282.880,50) e Betanzos 1-8 (1.358,275,24). Todas elas suman cerca de tres millóns de euros en investimentos para renovar o parque de vivenda municipal do barrio.

Ademais, ao proxecto aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local para os edificios da praza de España, únese o de Somozas 3-4, que xa pasou o mesmo trámite o pasado 22 de novembro e que conta cun orzamento de 368.000 euros.