A chegada dos 13 tilos restantes a próxima semana e o uso de maquinaria pesada obrigan a retomar a medida de seguridade

O TRAMO QUE ENLAZA AS RÚAS GALIANO E DOLORES NA PRAZA DE ARMAS VOLVERÁ A PECHARSE O LUNS

Ferrol, 10 de xaneiro de 2020.- O tramo que enlaza as rúas Galiano e Dolores na Praza de Armas volverá pecharse o próximo luns, 13 de xaneiro, despois de que se abrise o pasado 22 de decembro co obxectivo de facilitar a mobilidade dos veciños durante as festas de Nadal. Unha vez rematados os días festivos, o Concello de Ferrol retoma a medida de seguridade de cara á chegada dos 13 tilos restantes, que terá lugar ao longo da próxima semana, e ás necesidades da obra, que inclúe o uso de maquinaria pesada.

O peche do tramo manterase, en principio, ata a finalización da obra. O prazo previsto inicialmente para o remate da remodelación da praza de Armas era de nove meses, que comezaron a contar ao día seguinte á sinatura da acta de comprobación do replanteo, asinada o pasado 11 de abril, polo que ese período remataba o 12 de xaneiro. Sen embargo, o pasado mércores a Xunta de Goberno Local aprobou a ampliación do prazo de execución en oito semanas despois de que a empresa adxudicataria dos traballos solicitara a finais de decembro, e coa conformidade do director da obra, aumentar o tempo de duración dos traballos. Xustificou esa petición conforme a “tres circunstancias non imputables ao contratista”. A nova data, por tanto, é o próximo 8 de marzo.

A remodelación da praza de Armas é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Plurirregional de España 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.