A rúa Baterías cambiará de sentido e os vehículos que discorran por Espartero desviaranse pola rúa Mercé e Socorro para chegar ao Paseo da Mariña.

OS AVANCES NAS OBRAS DE REURBANIZACIÓN QUE O CONCELLO EXECUTA NA RÚA ESPARTERO OBRIGAN A CORTAR O TRÁFICO NO TRAMO ENTRE BATERÍAS E MERCÉ A PARTIR DO LUNS

Ferrol, 27 de febreiro de 2021.- Debido ás obras de reurbanización que o Concello de Ferrol executa na rúa Espartero, no barrio de Ferrol Vello, é necesario activar a segunda fase do plan de tráfico deseñado por mor dos traballos. A partir do luns, ao peche do tráfico rodado no último tramo da vía, entre Baterías e Estrada Alta do Porto, súmase tamén o comprendido entre Baterías e Mercé. Deste modo, os vehículos que discorran por Espartero desviaranse pola rúa Mercé ata Socorro para chegar ao Paseo da Mariña. Baterías cambiará de sentido en dirección á Estrada Alta, e polo seu tramo entre Espartero e Alonso López poderán circular vehículos en ambos sentidos só para acceder o saír de garaxes.

A reurbanización da rúa Espartero é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

As obras en Espartero, que comezaron a mediados de xaneiro cos traballos previos, contemplan a renovación completa do tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.