O voceiro do goberno local de Ferrol, Julián Reina, anunciou esta mañá que o importe de adxudicación ascende a 1.304.473,50 euros e o prazo de execución é de seis meses. O tamén concelleiro de Urbanismo indicou que para a rehabilitación da envolvente do edificio 3-4 de Somozas, tamén en Recimil, presentáronse tres empresas Ambas actuacións son cofinanciables nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014- 2020-Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’.

PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA REHABILITAR OS INMOBLES 23-25 DA PRAZA DE ESPAÑA, EN RECIMIL

Ferrol, 6 de xuño de 2022.- O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que na sesión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol de hoxe avanzouse na contratación de dous importantes actuacións de rehabilitación no barrio de Recimil, na Praza de España 23-25 e en Somozas 3-4. Ambas son actuacións cofinanciables nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’.

En primeiro lugar, a Mesa propuxo para adxudicación o proxecto básico e de execución da rehabilitación dos inmobles 23-25 da Praza de España por un importe de 1.304.473,50 euros (con ive). O prazo de execución unha vez rubricada a acta de traza de planta é de 6 meses.

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo indicou que os traballos consistirán “nunha rehabilitación coa que se van mellorar as condicións de habitabilidade, estanqueidade e eficiencia enerxética das vivendas comprendidas nos tres portais do edificio”. Entre outras actuacións, “contémplanse o cambio das cubertas, a instalación de sistemas illantes e de impermeabilización nas fachadas, ademais da substitución das carpinterías exteriores e dos portais”. Tamén se mellorará a accesibilidade, colocaranse ventilacións, reconstruiranse chemineas, instalaranse porteiros automáticos, colocaranse antenas colectivas para o sinal de televisión, realizaranse novas acometidas ás vivendas, soterraranse os cables eléctricos que agora están colocados de xeito aéreo, ao igual que se fará co tendido de telefonía, e intervirase nas acometidas do abastecemento de gas, indicou Reina.

En canto aos baixos do inmoble, regularizaranse conforme ao seu aspecto orixinal e unificaranse elementos como persianas, escaparates e marquesiñas. “Outro aspecto importante da obra é que vai resolver diversos problemas estruturais e de humidades nos balcóns das terrazas posteriores”, apuntou o voceiro do goberno local. Farase un reforzo e peche destes elementos. Finalmente, repararanse os patios dos baixos situados na fachada posterior.

Avances na contratación para rehabilitacións na rúa Somozas

O voceiro tamén informou dos avances na contratación doutra actuación en Recimil, neste caso das obras de rehabilitación da envolvente do inmoble 3-4 da rúa Somozas, para a que se presentaron tres empresas. No caso de cumprise os prazos está previsto que a próxima semana a Mesa propoña a adxudicación do contrato das obras, que inclúe o revestimento da fachada cun sistema illante e a substitución das carpinterías exteriores por fiestras dunha soa folla de aluminio de apertura oscilo-batente, con rotura de ponte térmica, vidro dobre con cámara e microaireadores.

Tamén se levará a cabo en Somozas o desmonte completo da cuberta e estrutura actual para executar unha nova de madeira con illamento térmico, lámina impermeabilizante e tella. Instalaranse canles e baixantes de zinc, marquesiñas sobre os accesos aos portais, colocaranse ventilacións, habilitarase iluminación natural e artificial do espazo baixo cuberta, soterraranse os cables aéreos de electricidade e telefonía e intervirase nas acometidas de gas. Con esta actuación, explicou Reina, “preténdese mellorar a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda a envolvente do edificio e ao mal estado da cuberta”.