O importe da oferta gañadora é de 208.152,13 euros máis IVE, e os traballos inclúen a mellora da eficiencia enerxética entre San Diego e Rubalcava e a contorna da praza de Armas.

PROPOSTA PARA ADXUDICACIÓN A NOVA ILUMINACIÓN DA RÚA MAGDALENA

Ferrol, 24 de maio de 2021.- A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol propuxo para adxudicación o proxecto de renovación e mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública da rúa Magdalena, entre San Diego e Rubalcava, e a contorna da Praza de Armas (rúa Terra, entre Magdalena e María; a rúa Rubalcava, entre Magdalena e María; e a rúa Real, entre Terra e Rubalcava). Trátase dunha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, polo que o 80 % do gasto será asumido polo Feder e o 20 % restante polo Concello. Finalmente, o importe de adxudicación ascende a 208.152,13 euros máis IVE (251.864,07 euros en total), mentres que o orzamento base de licitación era de 315.817,02 euros incluídos os impostos.

O proxecto de renovación e mellora da iluminación pública inclúe a eliminación dos cruces aéreos das calzadas por onde pasa a instalación, proxectando cruces subterráneos. Tamén se reunificarán e reubicarán os centros de mando existentes nun único cadro de iluminación pública. Ademais, redistribuiranse os puntos de luz nalgunha das rúas do ámbito de actuación e substituiranse as luminarias actuais por outras de tecnoloxía LED, colocadas en catenaria ou brazo, dependendo do tramo. Deste xeito, a iluminación pública do barrio da Magdalena “gañará en eficiencia e calidade, co que aumentará a visibilidade e lograrase un importante aforro no consumo de electricidade”, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina. O prazo de execución dos traballos será de dous meses a contar dende o seu inicio.