O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou esta mañá do acordo acadado entre entidades, colectivos e partidos presentes na última reunión, “froito dun traballo conxunto” que permite “avanzar cara a aprobación definitiva do PMUS”

UNANIMIDADE SOBRE O PACTO POLA MOBILIDADE 2021 ENTRE OS PARTICIPANTES NA MESA

Ferrol, 26 de abril de 2021.- A Mesa pola Mobilidade acadou na súa última reunión, celebrada o pasado xoves, un acordo unánime sobre o contido do Pacto pola Mobilidade 2021. Todos os participantes, tanto representantes de entidades e colectivos coma os grupos políticos con representación municipal, deron o seu visto e prace a un documento que adapta o aprobado polo pleno no 2018 “e actualízao á nova realidade”, explicou o voceiro do goberno local, Julián Reina, nunha comparecencia celebrada esta mañá. O edil agradeceu o intenso labor desenvolvido polos membros da mesa e asegurou que o resultado, “froito dese traballo conxunto”, vai marcar a “filosofía” do que será o vindeiro Plan de Mobilidade (PMUS). “Este paso permite avanzar cara a súa aprobación”, afirmou.

O novo pacto recolle principios para a redacción definitiva do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, actuación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, que o goberno local ten intención de aprobar este ano. Unha das novidades que presenta é que eses principios están xerarquizados nunha orde de prioridades segundo o consenso acadado entre os participantes nas reunións. Por exemplo, en primeiro lugar figura “a mellora da calidade de vida recuperando o espazo público para usos sociais e de convivencia”, seguido pola accesibilidade (en segundo lugar) e a planificación urbanística (no terceiro).

En canto aos obxectivos, tal e como explicou o concelleiro, hai varios ámbitos. No da mobilidade peonil, existe un consenso respecto de habilitar medidas para a accesibilidade universal e na priorización de itinerarios que conecten os barrios da cidade. No referido ao uso da bicicleta, o acordo maioritario é integrala na cidade mediante unha rede de carrís bici segura e funcional. No caso do transporte público, plásmase a necesidade de promovelo e mellorar o servizo de autobuses co aumento de frecuencias e garantindo as condicións de accesibilidade universal, entre outras medidas, como poden ser a recuperación do tren como un dos medios principais de transporte de persoas.

Ademais dos anteriores, outros obxectivos que Reina puxo como exemplo son: Garantir unha distribución áxil e ordenada das mercadorías, fomentar a intermodalidade dos medios de transporte para acadar un uso eficiente, incrementar a seguridade viaria, promover o uso de enerxías renovables, incorporar novas tecnoloxías para mellorar a xestión da mobilidade, ter en conta as novas necesidades de transporte á hora de levar a cabo a planificación urbanística ou sensibilizar e concienciar aos cidadáns sobre os valores e os obxectivos contidos no pacto.

Julián Reina insistiu en que se trata de liñas xerais que máis adiante incorporarán achegas máis concretas de cara á redacción do PMUS, un proceso no que primará sempre “unha vontade absoluta de diálogo en busca do maior consenso posible”.