Dende o seu inicio en 1986, a RONDALLA CMI-CLUB DE CAMPO DE FERROL, fundada e dirixida por Xosé Manuel Couce Fraguela, propúxose enxalzar a canción ferrolá e a centenaria tradición da Noite das Pepitas, incorporando ao patrimonio musical da cidade novas obras en galego e castelán froito da colaboración de recoñecidos compositores como o propio director Couce Fraguela, Xosé Luís Blanco Campaña, Javier Fernández Manso ou Lito Vieira e destacados poetas como Luís González Tosar, Salvador García-Bodaño, Pedro X. Brancollano, Alfredo Conde, Ramiro Fonte, Xavier Alcalá, Guillermo Ferrández Rivera, Xosémaría Pérez Parallé ou Enrique España, entre outros.

Un acervo musical que a Rondalla puxo en valor en máis de oitocentos concertos por Galicia, Asturias e Portugal, ademais de facer de embaixadores de Ferrol nas Palmas de Gran Canaria. Actuou en programas de TVG e TVE ou cadeas de radio e fixo varias gravacións sonoras e audiovisuais propias, dende o primeiro disco CD da nosa música, “Morriña” (1993), até os últimos, “Rondalla Club de Campo”(2010) e “Tradición y savia nueva 2010”, onde se recolle una significativa mostra de seu repertorio.

O bo facer da agrupación, a rigorosidade, a recoñecida traxectoria e a capacidade innovadora do seu director permitiulle acadar una respectabilidade por parte del público que atesoura como o más grande dos seus logros. E a decidida aposta polas composicións en galego para as Pepitas tamén abriu unha senda a seguir polas agrupacións dedicadas á nosa festa local. Cancións como “Olliños de mel”, a primeira habaneira en galego, ou o valse “Amada ausente”, máis coñecida como “Nas ondas do mar”, de camiño convertéronse en populares y hoxe son coreadas pola poboación ferrolá.

A innovación de Couce Fraguela viuse igualmente na decidida aposta por adaptar para a Rondalla todo tipo de ritmos e estilos musicais: obras polifónicas e folclóricas galegas, pezas de ópera e zarzuela, folclore canario, caribeño e suramericano, cancións portuguesas, asturianas e vascas, boleros, tangos, espirituais negros, música lixeira, composicións populares e de autor ou música instrumental, tamén contribuíron a considerar a Rondalla CMI-Club de Campo un referente á marxe da música ferrolá.

A Rondalla actuou conxuntamente coa Unidad de Música de la Guardia Real, de Madrid, ou coa Banda de Música Municipal de Ferrol. E aínda que non se presenta a concursos, é habitual que corresponda á chamada de festivais e eventos como grupo atracción invitado.

A publicación en 2013 pola Deputación da Coruña do libro “1986-2011. 25º Aniversario da Rondalla CMI-Club de Campo. 25 anos de historia musical de Ferrol”, de Pedro X. Brancollano, autor que leva colaborando coa Rondalla dende hai máis de vinte e cinco anos e foi homenaxeado polo Concello de Ferrol como letrista histórico nas Pepitas de 2012, ofrece un percorrido pola historia da agrupación e un documentado estudo sobre as orixes da Festa das Pepitas enmarcada na propia historia ferrolá. Igualmente encargouse de redactar o informe para acadar o recoñecemento da nosa como “Festa de Galicia de Interese Turístico” en 2013.

O 8 de decembro de 2016, a Rondalla celebrou o seu trixésimo aniversario cun magno festival no Teatro Jofre gravado e emitido pola TVG, “Trinta anos entre amigos”, do que se fixo un DVD e no que participaron como colaboradores diferentes artistas ferroláns, poñendo en escena un sorprendente e novidoso repertorio de musica internacional.

En 2021 foron invitados pola Rondalla Mayor de Costa Rica a integrarse na Organización Rondallas de América Latina e o 5 de novembro de 2022, participaron no III Festival Latinoamericano de Rondallas 2022 “Vive la Música”, representando a España.

Dende principios de 2021, retirado Couce Fraguela da actividade artística logo de trinta e cinco anos á fronte da agrupación, dirixe a Rondalla o Licenciado en Piano e Saxofón, Profesor de Conservatorio, Intérprete e Compositor David San Martín González, que mantén a liña do seu predecesor, incorporou novas voces e instrumentistas de contrastada valía e vai impondo o seu selo persoal con aplaudidas aportacións, sen esquecer o enorme legado recibido para reverdecelo. O seu indiscutíbel curriculum avala unha continuidade de éxitos para esta agrupación tan querida y respectada polo público en xeral e o ferrolán en particular, que se distingue das do seu estilo por dereito propio.

Con todo, este ano os compoñentes da Rondalla séntense especialmente gozosos, porque o 16 de decembro de 2023 a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Sra. do Rosario, en Sesión Plenaria, concedeulle a Xosé Manuel Couce Fraguela a Medalla de Prata e Diploma “Marcial del Adalid”. Un dos máis grandes galardóns que pode acadar un músico en Galicia e o primeiro que se outorga a persoas ou entidades vinculadas coa Festa das Pepitas na súa historia. O que pon en valor e aporta un incuestionábel respaldo académico á música ferrolá, nun momento no que se está a traballar para acadar o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional. Xa en 2009, Couce Fraguela fora homenaxeado polo Concello e as Rondallas de Ferrol como músico histórico das Pepitas.



Rondalla CLUB DE CAMPO