Tras un longo período sen actividade de rondallas na Real Vila de Mugardos, e grazas ao entusiasmo dun grupo formado por simpatizantes e antigos compoñentes da Asociación Artística “Trovo del Alba”, extinguida no ano 1976, constitúese en 1990 a “Rondalla Mugardesa” coa finalidade de rescatar a tradición que dende moi antigo existe en Ferrol e comarca, onde Mugardos tivo sempre unha destacada presenza. Cabe sinalar que a primeira rondalla formada na Vila “Náufragos de Mugardos” data do ano 1912.

Dende entón participa en todo os actos de Ferrol e comarca en que se conmemora a Festa das Pepitas e tradicionalmente ronda as rúas da Real Vila durante a tarde-noite da véspera ata o mediodía do día de San Xosé, prestándolle unha atención especial á Muller mugardesa.

Participa anualmente no Certame de Rondallas que organiza o Concello de Mugardos, que concentra a toda as agrupacións de Ferrol e bisbarra no peirao da Vila para logo percorrer as rúas até o Casino Mugardés, onde interpretan todo tipo de cancións, vivíndose unha xornada de convivencia entre todo os membros das agrupacións.

Ademais dos temas propios de “Pepitas” (Pasarrúas, valses, danzas), posúe un amplo repertorio de cancións (habaneras, boleros, folclore, cancións do mundo, panxoliñas e temas Galegos), tendo actuado no ámbito da provincia da Coruña e noutras localidades galegas como Vigo, Tui, etc.

Dende a súa fundación, recibe a colaboración da Aula de Cultura do Concello de Mugardos, Industriais da Vila, "Hostelería" e particulares.

A agrupación conta cunha escola de punteo onde se forman instrumentistas, sendo esta escola totalmente gratuita e con disposicíón para o préstamo de instrumentos cedidos pola propia rondalla.

Na actualidade, a agrupación que preside D. Xosé Antón Bouza Rei está formada por 36 compoñentes entre voces e instrumentistas, sendo o seu director D. Francisco Javier Sancho Ribero.

Continúase como cada ano coa tradición de darlle un título á rondalla. A deste ano 2024 leva por título: Susurro.

A madriña deste ano 2024 é Dna. María Cristina Marcos Romeu.



Rondalla MUGARDESA

  • Madriña: Dna. María Cristina Marcos Romeu
  • Presidente: D. Xosé Antón Bouza Rei
  • Director: D. Francisco Javier Sancho Ribero
  • Compoñentes: 36
  • Contacto: xosebouzarei@gmail.com